O BNG DE CAMARIÑAS ESIXE UN PLENO URXENTE PARA RELEVAR AO ALCALDE CONDENADO POR PREVARICADOR
19 ago. 2018 - 00:44
A Xustiza falou por segunda vez en apenas un ano e Manuel Alonso xa non pode continuar nin un día máis como alcalde de Camariñas”, dixo esta tarde Ilva Carril, concelleira do BNG en Camariñas, despois de coñecerse que a Audiencia Provincial da Coruña vén de ratificar unha sentencia anterior que condena a Alonso a catro anos de inhabilitación para exercer cargo público “por un delito continuado de prevaricación”.
O BNG esixe a convocatoria urxente dun pleno extraordinario e apela ao PSOE, a forza maioritaria na corporación, a que asuma a sentenza, cumpra os seus propios códigos internos e aparte “inmediatamente” a Manuel Alonso da alcaldía “para non seguir prexudicando á xestión do concello e que poñan a quen teñan que pór no posto para pasar páxina e se empece a atender aos asuntos cotiás de Camariñas”.
Consideramos que había xa unha primeira sentenza suficientemente clara contra Alonso por prevaricación e que xa daquela o alcalde debeu ser apartado do seu cargo polo seu partido, mais non o fixeron co conseguinte prexuízo para os asuntos de Camariñas. Por iso agora urxe aos socialistas a que actúen con rapidez diante dun fallo xudicial “que non admite lugar a dúbidas e obriga a Alonso a deixar a alcaldía”.