O BNG manifesta o apoio ás reivindicacións do comité de folga e solicitou reiteradamente a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais

Comunicado da Executiva Nacional do BNG do 1 de marzo de 2018.

O BNG manifesta o apoio ás reivindicacións do comité de folga e solicitou reiteradamente a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais

O BNG manifesta o apoio ás reivindicacións do comité de folga e solicitou reiteradamente a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais.

1. Os traballadores e traballadoras da administración da Xustiza en Galiza iniciaron o pasado 9 de febreiro unha folga indefinida en defensa dos seus dereitos laborais e contra a discriminación salarial que sofren. Trátase dunha medida extrema á que se chega logo de esgotar todas as vías posíbeis de negociación e como resposta á prepotencia, soberbia e cerrazón da Xunta de Galiza. A folga conta cun seguimento masivo e co apoio dos sete sindicatos representativos do persoal. Tamén as dúas manifestacións convocadas en Compostela, o 25 de xaneiro e o 24 de febreiro, contaron con un apoio masivo dos traballadores e traballadoras.

2. A convocatoria dunha medida tan extrema como unha folga indefinida, e o apoio masivo co que conta, hai que enmarcala no deterioro continuo dos servizos públicos, no empeoramento das condicións laborais, e nos continuos recortes de dereitos ao que levaron as políticas regresivas, reaccionarias e centralizadoras do PP no goberno do Estado e na Xunta de Galiza. Existe un malestar xeralizado nos empregados públicos, que mentres que noutros sectores está latente, no caso da Xustiza cristalizou en medidas contundentes de carácter reivindicativo, mobilización e loita. Cómpre valorar pois a importancia da capacidade de mobilización que está a manter este sector en contra da Xunta deo PP.

3. A Xunta de Galiza e o PP, por boca de Feixoo e de Rueda, intentan trasladar á opinión pública que a única motivación deste conflito é unha mera reivindicación de mellora salarial, que se trata dun sector privilexiado (función pública) e que rexeitan unha “xenerosa” oferta de suba salarial. Tratan con isto de poñer á xente en contra e culpar a sindicatos e persoal da Xustiza das conscuencias negativas da folga.

4. A realidade é que se chega á convocatoria de folga indefinida despois de numerosos intentos de negociación, de convocatoria de concentracións en outubro e xornadas de folga en novembro e decembro. A táboa reivindicativa do comité de folga baséase en 5 reivindicacións de mellora laboral e salarial

Rematar coa discriminación salarial que sofren a respecto doutros territorios do Estado, que chega ao 22% a respecto da media estatal. Cómpre ter en conta que se trata de traballadores e traballadoras que pertencen á administración do Estado, e que cobran un “complemento salarial autonómico” que en Galiza é moi inferior á media. Coa oferta de incremento da Xunta de Galiza, que se faría efectiva en 2019 e 2020, seguirían cobrando en 2020 un 9% menos cá media de 2018. Cómpre ter en conta, a maiores, que entre os anos 2013 e 2016 a Xunta recortou as nóminas en cantidades anuais que van dos 3.500 aos 10.000 euros, segundo o corpo.

Equiparación dos descontos por Incapacidade Temporal ao rexime establecido para o persoal da Xustiza doutras comunidades e para os corpos de maxistrados/as, fiscais e letrados/as. Actualmente, o persoal da Xustiza de Galiza sofren descontos no salario do 50% os primeiros catro días e un 25% até o vixésimo día cando teñen unha baixa médica por enfermidade común.

- Reforzos de máis de tres anos: demándase que se creen prazas para consolidar os reforzos estruturais, con un calendario progresivo de consolidación das mesmas.

Cobro do 100% do salario nas substitucións: actualmente a Xunta de Galiza cubre un posto de traballo dunha categoría e paga por unha categoría inferior.

- Amortización de prazas: recuperación de máis de 100 prazas suprimidas desde o ano 2013 e que en moitos casos afectan gravemente a xulgados (de paz, do contencioso ou de familia) que sofren un grave atasco e retraso nas tramitacións.


Diante da situación de cerrazón, prepotencia e provocación da Xunta de Galiza, o BNG manifesta o apoio ás reivindicacións do comité de folga e solicitou reiteradamente a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, coa finalidade de procurar unha solución satisfactoria para a xustiza galega e cumprir co acordo unánime da sesión plenaria celebrada o 4 de decembro de 2017.