TURISMO

O nacionalista Xosé Regueira selou en Cabo Vilán o impulso da Deputación ao Camiño dos Faros

Xosé Regueira, deputado provincial do BNG e responsábel de Turismo da Deputación, no acto en Cabo Vilán.
Xosé Regueira, deputado provincial do BNG e responsábel de Turismo da Deputación, no acto en Cabo Vilán.

A área de Turismo da Deputación e a Asociación o Camiño dos Faros escolleron o pasado novembro o Cabo Vilán e a hora do solpor para rubricar un acordo polo que Deputación da Coruña achega 78.152 euros, o 80% do total do orzamento para financiar o plan de actuacións necesarias para a homologación como Senda de Gran Percorrido (GR) do Camiño dos Faros.

O nacionalista Xosé Regueira selou en Cabo Vilán o impulso da Deputación ao Camiño dos Faros

"O Camiño dos Faros é agora mesmo un dos produtos máis recoñecíbeis de Galiza nos mercados tanto estatais como internacionais entre o público que busca o contacto co medio natural e o camiñar como forma de facer turismo", asegurou o responsábel de Turismo da Deputación, Xosé Regueira, deputado do BNG.

 

A homologación pretende converter o Camiño en eixo vertebrador do turismo da comarca. No proxecto inclúese a diagnose e estudo de definición da senda, a execución de intervencións como homologacións da Federación Galega de Montañismo ademais de topoguía, sinalización e panelización e, finalmente, estudo e execución das medidas e obras de acondicionamento.

 

O Camiño dos Faros é unha ruta de sendeirismo de 200 quilómetros que une Malpica con Fisterra polo borde do mar. Atravesa un total de nove concellos da provincia da Coruña: Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cee, Fisterra, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso e Vimianzo.